[CMI Galiza] texto da vivenda.
pedro
pirgez gmail.com
Sábado, 11 de Novembro de 2006 - 11:55:32 PST
O texto que vos enviei antes era o de Vigo sen modificar. O bo es o
seguinte:
------------------------------------------------------------------------
POLO DEREITO SOCIAL Á VIVENDA E CONTRA A ESPECULACIÓN
A vivenda deixou de ser xa un ben de uso e converteuse nunha simple
mercadoría de luxo e nun valor da especulación.
O modelo da cidade supedítase aos intereses especulativos inmobiliarios
e as diferentes administracións públicas colaboran nisto de forma
definitiva, coa escusa de que é o motor do crecemento económico, sen
darse de conta de que esta chamada burbulla ademais das graves
consecuencias sociais que ten, pode explotar en calquera momento
provocando unha gravísima crise económica. Proba disto é que na nosa
cidade este mercado xa comeza a ralentizarse.
Redondela, que encabeza a listaxe das localidades galegas con maiores
prezos da vivenda tras as sete cidades, é un bo exemplo disto, tanto
pola súa realidade actual como polos proxectos de futuro. Segundo os
dados do Instituto Galego de Estatística (www.ige.eu) no 2001 das 11.605
vivendas que había en Redondela 2.064 estaban baleiras. E dende entón o
ritmo constructivo non fixo máis que crecer...
Mostra da especulación criminal que temos que soportar no noso
territorio, é que a pesar de ser Galiza a 4ª comunidade cos salarios
máis baixos, en Redondela o prezo da vivenda duplicouse nos últimos
cinco anos, e no caso dos chamados "minipisos" (30 m2) chegou a crecer
ata nun 300%, o que fixo que na actualidade apenas exista diferencia en
canto ao prezo da vivenda coa cidade de Vigo (o que é máis considerando
que Vigo atópase entre as dez cidades coa vivenda más cara do estado).
Esta situación forma parte do que poderiamos chamar "precariedade
social", un factor fundamental no sistema produtivo actual fundado en
que aceptemos condicións laborais cada vez peores ante o risco real da
exclusión social e a inseguridade respecto as nosas necesidades vitais
(as familias dedican máis dun 67% dos seus recursos ao pago da vivenda e
o endebedamento dispárase ano a ano coa suba das hipotecas que hoxe en
día se prolongan até os 50 anos ou máis).
Igualmente os alugueres son unha forma de perpetuar a precariedade.
Pagamos moi por riba do seu valor real, nalgúns casos infravivendas, e
as leis actuais penalizan e dificultan que compartamos piso (en moitas
ocasións é a única opción de emanciparse que ten a xente nova).
A vila camiña cara a súa privatización total. As rúas e prazas pasan a
ser espazos privados xestionados con impunidade polos comercios e
cafeterías mentres se ignora a súa función de espazo de socialización.
Os recursos, os terreos ou as infraestructuras non se destinan nin se
planifican para que a cidadanía teña una maior calidade de vida, senón
en función de intereses especulativos de constructores, promotores e
inmobiliarias. E todo elo impregnado dun estraño gusto estético, delirio
senil de grandeza.
Os espazos naturais son destruídos e substituídos por infraestructuras
de comunicación (autoestrada) que non responden a outra necesidade máis
que facilitarnos a chegada aos Centros Comerciais. (Vigo vai camiño de
ser a cidade galega con máis grandes superficies). Estes Centros acaban
co pequeno comercio, fúndanse nun sistema laboral hiperprecarizado e
colaboran definitivamente na insostibilidade da cidade ao forzarnos a
máis desprazamentos (fundamentalmente en coche) para mercar lonxe do
noso entorno. (no comercio local é máis doado que se dea un consumo de
ciclo curto, isto é, consumir produtos da zona, co que o gasto
enerxético do transporte é menor).
Na resistencia a esta situación sería esencial a inversión do proceso de
desertización e abandono, con numerosas edificacións deshabitadas e a
piques do derrubamento, que está a sufrir o Casco Vello.
Nós, rebelámonos contra todo isto e reivindicamos a vivenda como dereito
social fundamental. A participación da cidadanía na sociedade só se
producirá coa capacidade real de exercer dereitos sociais, coma o da
vivenda, o dos desprazamentos, o dos espazos públicos ou o dereito a ter
o pobo que necesitamos e desexamos. Para isto debemos impedir as actuais
políticas sobre o solo, de forma que non sexa posíbel a especulación e
este desenvolvemento insostíbel.
Para conseguilo propoñemos estas medidas:
1. Limitación do prezo dos alugueres e do prezo dos pisos, de modo que
non teñamos que pagar en ningún caso máis do 30% da nosa renda polo
aluguer ou a hipoteca. Esiximos que se garanta o dereito á vivenda tamén
das persoas con poucos recursos e que o prezo dos seus alugueres ou da
hipoteca non supere nunca o 20% dos ingresos dispoñíbeis (Isto xa se
aplica nalgúns casos de pisos de protección en Catalunya ou Euskadi).
2. Anulación do PXOM en trámite, feito sen participación real da
veciñanza e que só atende aos intereses de de capitais especuladores
inmobiliarios e grandes empresas como Pescanova. Paralización dos plans
de crecemento urbano até que non sexa socialmente necesaria a
construción de novas vivendas. Que toda reforma urbanística sexa
precedida de estudos de impacto social e medioambiental, así como da
participación directa das veciñas en calquera decisión que afecte ao seu
entorno vital. O control urbanístico dos terreos afectados por lumes
forestais e daqueles adquiridos nos últimos anos.
3. Reforma de la "Ley de Arrendamientos Urbanos" (LAU) dado que nos
opoñemos a: os aumentos ilimitados dos alugueres, a facilidade actual de
desafiuzo por impago (o chamado "desafiuzo exprés", dous meses sen pagar
e bótante), a limitación da duración dos contratos a 5 anos, os abusos
que sofren as persoas migrantes, con ou sen papeis.
4. Medidas que garantan a efectiva transparencia dos Rexistros da
Propiedade, por exemplo, a obriga de informar a todas as partes
implicadas na venda dunha leira ou dun piso.
5. A penalización dos inmóbeis baleiros, sen utilizar ou abandonados
(mediante o aumento do IBI, a ameaza de expropiación ou a cesión
forzosa) e a despenalización da ocupación.
6. A prohibición de venda de solo público.
7. A tipificación das prácticas de acoso inmobiliario (mobbing, por
exemplo as obras que impiden o fácil acceso ás moradoras, os cortes de
luz, auga, etc. Para conseguir botar ás inquilinas) como vulneración do
dereito á vivienda e a súa erradicación.
8. A paralización do Plan Especial do Porto e a anulación de calquera
agresión á ría (aterramentos, recheos, etc).
9. O respecto á diversidade territorial. Protección das zonas rurais
fronte ao crecemento urbano descontrolado.
10. Creación de verdadeiros espazos sociais públicos autoxestionados
pola propia cidadanía.
------------------------------------------------------------------------
--
Pedro (pirgez(a)gmail.com)
GPG Key http://pgp.rediris.es:11371/pks/lookup?op=get&search=0x7794A9C6
Key fingerprint = 9BB6 443E 681C A2FE C975 A122 1F48 E261 7794 A9C6
Mais informações acerca da lista imc-galiza