[CMI Galiza] Mensagem enviada por Xurxo Iglesias

formulario indymedia.org formulario indymedia.org
Domingo, 10 de Setembro de 2006 - 04:18:27 PDT


MENSAGEM enviada por Xurxo Iglesias (13negativo  gmail.com) 
---------------------------------------------------------------------------

Ola, chámome Xurxo Iglesias, un dos escritores do xogo de rol en vivo Irmandiños: A Revolta que terá lugar proximamente no castelo de Monterrei (Ourense). O devandito evento está organizado pola Xunta de Galicia e será o meirande xogo de rol en vivo medieval organizado en Galicia e no conxunto de Estado.
De seguido lles inclúo información sobre a actividade a unha imaxe do cartel. Toda a información está na web www.13negativo.com
Gracias polo seu interese.

A XUNTA DE GALICIA ORGANIZA UN XOGO DE ROL EN VIVO PARA 500 PERSOAS AMBIENTADO NA GALICIA MEDIEVAL DO SÉCULO XV NO CASTELO DE MONTERREI.

“BRAVEHEART Á GALEGA”

Organizador:

Irmandiños: A Revolta é un xogo de rol en vivo organizado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. O xogo está ambientado no século XV, durante a Segunda Revolta Irmandiña, revolución popular que tivo lugar en Galicia no ano 1467, na que milleiros de homes e mulleres de toda clase e condición se alzaron en armas contra os señores feudais debido aos múltiples abusos que contra a poboación se estaban a cometer.

Autor:

Irmandiños: A Revolta está escrito e dirixido por 13Negativo, asociación formada por membros fundadores do desaparecido Proyecto-13, equipo organizador da macro-partida de Vampiro: La Mascarada celebrada o ano pasado en Santiago de Compostela, na que participaron cerca de 600 persoas.


¿Que é un xogo de rol en vivo?

Un Xogo de Rol en Vivo podería compararse cunha grande obra de teatro na que podemos atopar dous tipos de personaxes: as Personaxes Xogadoras (PX), que son todas aquelas persoas que se inscriban para participar na actividade, e as Personaxes Non Xogadoras (PNX), que son actores contratados pola Organización. 
A característica máis importante dun Xogo de Rol en Vivo é que cada xogador é libre de interpretar á súa personaxe coma lle pareza oportuno. As vosas personaxes terán un obxectivo que cumprir, e de vós dependerá o modo de acadalo, tomando as vosas propias decisións durante o transcorrer do xogo con total liberdade de acción e movemento, pero sempre, claro está, respectando as Regras do Xogo.
Os Xogos de Rol non teñen nunca un final determinado. Dependendo do comportamento dos xogadores, a partida finalizará dunha forma ou outra. Por este motivo, é fundamental ter iniciativa.
Material do xogador:

Como en todo Xogo de Rol en Vivo os xogadores virán caracterizados ó evento.
Tamén se lles fai entrega dun manual que inclúe:
-	Unha parte de ambientación histórica rigorosa e documentada.
-	O argumento do xogo
-	As regras do xogo.
Non é polo tanto necesario ter coñecementos previos sobre rol, xa que todo o necesario para poder xogar se atopa no manual.

Irmandiños: A Revolta:

Irmandiños: A revolta non é unha recreación histórica. O seu argumento, aínda que toma certos elementos reais, é unha ficción.

Sinopse:
Ano de 1469. 
Despois do triunfo da Segunda Revolta Irmandiña os señores feudais foron expulsados dos seus dominios véndose obrigados a refuxiarse en Castela e Portugal. A Irmandade Xeral do Reino de Galiza goberna en todas as vilas e cidades galegas, impartindo xustiza en nome do rei Henrique IV. Por primeira vez, os homes e mulleres poden sentirse libres e donos das súas vidas. Mais as cousas están a punto de mudar...
Rematada a guerra civil que enfronta a nobreza en Castela, o rei Henrique IV torna as costas ao destino dos galegos e traizoa a Santa Irmandade, autorizando o arcebispo Fonseca, un dos máis poderosos señores feudais, a regresar a Galiza e recuperar as súas terras. O arcebispo parte cara a Santiago de Compostela acompañado por Xoán Pimentel, irmán do conde de Benavente. Xunto a eles, un numeroso exército de soldados e mercenarios. O seu obxectivo: reconquistar a cidade de Santiago e acabar co goberno da Irmandade na Galiza, restaurando a orde social preestablecida.
Tras varios días de viaxe, as tropas de Fonseca fan unha parada no castelo de Monterrei, propiedade dun dos poucos señores feudais que lograron conservar as súas fortalezas. A Irmandade Xeral, informada da presenza de Fonseca en Monterrei decide enviar a un exército de Irmandiños, coa misión de asediar o castelo e impedir o avance das tropas inimigas cara a Santiago. 

Bases do evento máis salientables:

O xogo comezará o venres 22 de setembro ás 12 da mañá aproximadamente e rematará o domingo 24 de setembro sobre as 6 da tarde. Os xogadores pasarán a noite en tendas de campaña, para compartir todos e cada un dos momentos desta fascinante experiencia que se desenvolverá no castelo de Monterrei (ao lado de Verín) e nos seus arredores.

Poderán participar mozas e mozos de entre 18 e 30 anos. A cota de participación é de 24€, pero os posuidores do carné xove ou do carné máis terán un desconto do 25 %. Esta cota inclúe a participación e as comidas durante todo o xogo, así como o desprazamento en autobús ata a zona de xogo. 

A reserva de prazas poderase realizar do día 1 de setembro ata o día 15 de setembro nos teléfonos 981541688, 981544854 e 981544869.

Poderán participar un máximo de 500 xogadores.


MÁIS INFORMACIÓN:

www.13negativo.com 


------- << FIM DA MENSAGEM <<< ---

Síntete libre de respostar a esta mensagem. Lembra facelo também con cópia á lista para evitar solapamentos. 




Mais informações acerca da lista imc-galiza